Somos un movemento internacional de cidadáns para o control democrático dos mercados financieiros e as súas institucións

  ¿Sabía vostede que o seu futuro e o dos seus se decide en foros internacionais ós que só poden asistir os grupos de interese dos opulentos e dos especuladores?

Debido a iso o progreso só favorece á minoría que estableceu as regras do xogo. A inmensa maioría sofre as angustias da inseguridade, o risco, a precariedade e o desemprego.

  En 1960, o 20 por cento máis rico tiña 30 veces máis que o 20 por cento máis pobre. En 1990, 60 veces máis. En 1995, 82 veces máis.

E este incremento concéntrase no cumio. Segundo o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento, actualmente as "10 persoas máis opulentas teñen unha riqueza equivalente á producción de 50 países, e os 447 máis poderosos suman unha fortuna maior que o ingreso anual da metade da humanidade".

  Non se trata, como queren facernos crer, dunha evolución "inevitable", senón das regras do xogo impostas polas organizacións e os grupos mundiais do poder económico.

Estes grupos non deixan de falar a favor da liberalización e a desregulación, e en contra das preocupacións ecolóxicas e a sociedade do benestar, ó tempo que esixen solo edificable gratis, subvencións, beneficios fiscais e privilexios de tódalas clases. Denigran o Estado do benestar tachándoo de "Estado asistencial", porque eles só favorecen o "asistencialismo" ós opulentos.

  Para facer isto furtáronlle ó cidadán o seu dereito a decidir o seu futuro, e mesmo, a estar informado, para o que se serven sobre todo de dous instrumentos:

Organismos internacionais, que están tan alonxados dos cidadáns como próximos ós grupos de interese (véxase, senón, o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e a Unión Europea mesma, co seu preocupante déficit democrático).

Tratados con cláusulas secretas (ALENA, entre México, U.S.A. e Canadá ou a Ronda do Milenio da Organización Mundial de Comercio) e acordos feitos de costas ós cidadáns (como o temporalmente fallido Acordo Multilateral de Investimentos que outorgaría tódolos dereitos ós inversores e imporía tódolos deberes ós Estados e ós seus cidadáns, implantando así o totalitarismo económico).<![endif]>

Son os cidadáns os que, libre e responsablemente, deben decidir sobre o seu destino. Desta convicción profundamente democrática nace ATTAC - Asociación por una Tasación das Transaccións financieiras de Apoio á Cidadanía

  ¿Qué é ATTAC?

Nacido a partir dunha iniciativa do Director de Le Monde Diplomatique en Francia en xuño de 1998, ATTAC é un movemento internacional de cidadáns, preocupados polos asuntos colectivos e empeñados en buscarlles solución.

  ¿Qué pretende?

A finalidade de ATTAC é devolverlle o poder arrebatado ós cidadáns polas transnacionais e os grupos de interese.

  ¿Qué obxetivos se propón?

(1) Establecer mecanismos democráticos de regulación e control dos mercados e do sistema financieiro internacional; (2) impulsar e fortalecer o desenvolvemento dunha opinión pública mundial independente, activa e ben informada.

  Entre outras medidas ATTAC propón:

  • Gravar co imposto coñecido como Taxa Tobin as transaccións especulativas nos mercados de divisas..
  • Suprimir os paraísos fiscais.
  • Anular a débeda externa dos países empobrecidos.
  • Contestar o discurso homoxéneo e monolítico repetido e amplificado por doquier de que sólo existe un xeito posible de facer economía, dar alternativas e fomentar o debate e a reflexión entre os cidadáns.

  ATTAC colabora con outros movementos, con redes sociais e con publicacións para acadar os seus obxectivos. Son xa miles as persoas que no mundo se uniron a ATTAC e participan en redes e grupos de información, de estudio e debate, e en campañas nacionais e internacionais. O que ATTAC se propón combatir, a dictadura dos mercados, está na orixe de case tódolos problemas actuais: a destrucción do planeta e as culturas, a débeda, a inseguridade persoal e colectiva; e o conflicto entre os pobos.

Os resultados acadados ata o de agora foron alentadores: a simple publicación das condicións dictatoriais do Acordo Multilateral de Investimentos, as mobilizacións contra a Ronda do Milenio da OMC en Seattle e a anulación da xuntanza do Banco Mundial en Barcelona, paralizaron algunhas das iniciativas máis agresivas dos poderes económicos mundiais.

 Trátase simplemente de reapropiarnos, todos unidos, do porvir do noso mundo


| principal | quen somos | accións | contactos | axenda | documentación | revista | enlaces |
© ATTAC-Galicia 2002